miércoles, 20 de abril de 2022

Rubén Martínez Alonso, «As escaleiras do Gran Hotel», Premio Vicente Risco (2013), «Os anos 20 teñen estética rompedora, e o papel que vai adquirindo a muller en España nos anos 20 culmina co dereito ao voto nos 30»

 

o autor da obra "As escaleiras do Gran Hotel" Rubén Martínez AlonsoO luns 4 de abril do 2022 veu ao IES de Sanxenxo dar unha charla sobre o seu libro As escaleiras do Gran Hotel o escritor vigués Rubén Martínez Alonso, cuxa obra está ambientada no gran Balneario de Mondariz nos anos 20 do século XX, e que ano 2013 gañou a XIV Edición do Premio Vicente Risco de creación literaria, concedido polo Concello de Ourense.


-Por que escolliches ambientar a túa novela no balneario de Mondariz?

Eu son de Vigo, e o Balneario queda relativamente preto. De neno coñecín as ruínas, xoguei nelas. Hoxe en día o edificio recuperouse, pero perdeu boa parte do seu encanto. Ese encanto funo coñecendo tanto polas postais fotográficas que vos estou a amosar como por noticias de prensa e pola propia revista do Balneario. O Balneario de Mondariz estaba pechado durante boa parte do ano, e a temporada de baños, que comezaba no mes de maio e remataba no mes de outubro, era cando se abría. O resto do tempo, estaba practicamente pechado.

Na época dos baños, o Balneario publicaba unha revista semanal chamada “La Temporada, onde aparecen moitísimos datos que están no libro: as persoas que ían chegando nesa semana, os prezos e os menús que tiñan no restaurante do Gran Hotel… Mergullándote un pouco en toda esa información, descobres que era un lugar fascinante.


-Como te documentaches para describir o Gran Hotel con tanto detalle?

Pois as postais que tedes proxectadas foron unha fonte importante de información, xa que para min a reconstrución dos escenarios axuda ao lector a introducirse na historia. É dicir, aínda que a historia e as personaxes son as que levan ou atraen o lector, penso que se non hai unha boa construción, se non hai unha recreación histórica máis ou menos fiel ou crible, a historia acaba diluíndose. Ademais da postais empreguei, como xa dixen, a prensa da época e a revista do balneario.

 

-Por que lles dás tanta importancia ás escaleiras do Gran Hotel?

Cando eu era pequeno, coñecín xente maior que traballou no Gran Hotel e que falaba con abraio desa escaleira de honor ou escaleira principal do Gran Hotel. Uns dicían que era única no mundo, outros que estaba inspirada na dun palacio ruso, e o que máis chamaba a atención era que tiña unha parte voada, que semellaba non contar con apoio.

Dentro da novela, as escaleiras serán relevantes. Na literatura e na arte, as escaleiras sempre estiveron cargadas de simboloxía: o ascenso como idea de conquista do coñecemento, e o descenso como unha caída. As personaxes vanse mover continuamente polo edificio, subindo e baixando, descubrindo, coñecendo; será un recurso importante no libro.

-Que teñen de especial os anos 20 para que sexa nesa época na que transcorre a novela?

Os anos 20 teñen estética rompedora, e o papel que vai adquirindo a muller en España nos anos 20 culmina co dereito ao voto nos 30. A muller vai cortando o pelo, as longas melenas que había antes da Primeira Guerra Mundial empezan a desaparecer, substituídas agora por peiteados moito máis funcionais. As súas roupas tamén se volven máis confortables, e as mulleres deixan de ter marcadas as cadeiras, a cintura e os peitos, aparecendo prendas de liñas rectas. Despois desa época de necesidades e carestía provocada pola Gran Guerra, é un momento de expansión. España está nos anos da ditadura de Primo de Rivera, non se alcanzará esa sociedade de consumo dos Estados Unidos, pero si que será unha época de certa estabilidade e comodidade.

Se buscades a estética deses anos descubriredes a estética Art Déco, a da Exposición Universal de París. Estas exposicións estaban vinculadas ás revolucións industriais, xa que nelas se exhibían os grandes adiantos; a Torre Eiffel, por exemplo, era a entrada para a Exposición Universal de París de 1889. Nesta mesma cidade, París, inaugúrase no 1925 a Exposición de Artes Decorativas, e o coñecido como “estilo 1925” será o que se vexa nalgunhas das estancias do Gran Hotel, e sobre todo na vestimenta e na estética das mulleres destes anos.


-As personaxes históricas das que falas, como Primo de Rivera, estiveron de verdade no Balneario de Mondariz?

Si, Primo de Rivera estivo no balneario no ano 1928, que é no que se ambienta a novela, momento en que vai sen a súa familia, e tamén no ano 1929, no que leva con el as súas fillas.

Os altos cargos políticos contaban cunha seguridade que pretendía evitar ataques e atentados, aínda que esta despregadura era menor que noutras circunstancias, xa que se consideraba que era un lugar máis tranquilo. Con todo, hai que ter en conta que esta ditadura, que contaba co apoio do rei Alfonso XIII, atopábase neste anos finais nun momento crítico. Esta ditadura nacera como un período transitorio que ía devolver a España a orde pública e acabar coa inestabilidade, pero ao final pasa o que adoita ocorrer coas ditaduras: o ditador síntese cómodo e perpetúase, e unha ditadura que ía ser breve ao final acaba alongándose. No ano 1930 Alfonso XIII retiraralle a súa confianza e Primo de Rivera cae en desgraza.


-Que importancia social e económica tiñan estes balnearios en Galicia?

Pois eran lugares de reunión das grandes fortunas. Seguro que vos sona Rockefeller. Pois foi un dos grandes millonarios que estiveron no Balneario de Mondariz. Grandes persoeiros acudían a este balneario, e alí tomaríanse grandes decisións económicas. De feito, cando estivo Primo de Rivera desprazáronse ata Mondariz os seus ministros para reunirse con el.

A vila enteira converteuse nun espazo no que interactuaban e convivían persoas de diferentes estratos sociais, o que era bastante curioso.


-Por que cres que o Balneario de Mondariz foi entrando en decadencia ata o incendio dos anos 70 do século XX?

Todo ten a súa época de esplendor, e despois vive a súa época de decadencia. Xa sabedes que os ricos sempre tentan diferenciarse dos pobres, e non hai peor insulto para un rico que que pensen que é pobre, que non ten os cartos suficientes. Antes da Revolución industrial, a xente rica tiña a pel branca, porque os que traballaban no campo ao sol e estaban queimados eran os pobres. No momento en que a Revolución industrial comece en España, os obreiros e obreiras traballarán nas fábricas, e, como as luces eléctricas non poñen a ninguén moreno, volveranse brancos, igual cós ricos. Así, esa mentalidade, ese desexo de diferenciarse, será o que, entre outros motivos, cambie o modo de facer turismo.

O balneario era un destino propio de finais do século XIX e principios do XX. A partir dos anos 20, nas décadas dos 30-40, comezará a cobrar forza un turismo que aínda agora triunfa: o turismo de praia. Os ricos son os que hoxe en día se poñen morenos, van á praia, van esquiar, os que poden facer moitas actividades, mentres que os pobres, ao non dispoñer de recursos e tempo libre, terán a pel máis branca.

No momento actual, dende finais do século XX e principios do XXI, recuperouse o costume de ir aos balnearios e os spa, que, ao estar en moitas ocasións en zonas rurais, permiten complementar esta actividade de saúde e descanso con actividades deportivas como o sendeirismo. Xa na época de esplendor do balneario se facía isto, aproveitando a estadía para visitar monumentos próximos ao balneario, como o castelo de Vilasobroso, por exemplo. Dende Mondariz collían os coches que, na época na que está ambientada a novela, aínda podían ser de cabalos, ou xa máis modernos, con motor de explosión.

 

-En relación coa pregunta anterior, por que cres que Mondariz volve ser un destino importante dende hai uns anos?

Pois, porque ofrece unha alternativa ao turismo de praia, e adoita ter asociadas actividades deportivas e culturais, como veño de comentar. Aínda que o antigo Gran Hotel agora é un complexo de apartamentos e, polo tanto, non se pode visitar, parte do entorno, que si é accesible, está recuperado.

 

-Pode compararse o balneario de principios do século XX co de principios do XXI?

Non, non hai punto de comparación. É certo que a sociedade cambiou moito nos últimos 100 anos, pero as esixencias dos usuarios deste tipo de servizos non. O Gran Hotel de principios do século XX sería hoxe un cinco estrelas gran luxo, mentres que o aloxamento actual non chega a ese nivel de excelencia.

O Gran Hotel sufrirá unha paulatina decadencia dende os anos 30 ata os 70 do século XX, cando arde, porque non soubo adaptarse aos novos tempos. O feito de que os cuartos non tivesen baño propio, a finais do século XIX, non era un problema; pero, ao longo do século XX, si que o foi. Tanto é así que, no ano 1973, cando se incendia, o edificio estaba sendo remodelado, e por iso tiña a auga cortada. Esta fatalidade, sumada a que os bombeiros máis próximos eran os de Vigo, levou a que o edificio quedase totalmente destrozado polo lume.

 

-Os datos que aportas no teu libro sobre a sociedade de Vigo e as familias son reais?

Si. Os nomes das familias aparecían en La Temporada”, a revista que publicaban no Balneario semanalmente. Carolina e Tomás son personaxes ficticias, pero os seus apelidos son apelidos reais de familias podentes de Vigo: Bárcena, Labarta… xente que tiña negocios, empresas importantes.

 

-Era importante para ti amosar a unha protagonista moderna e liberada que rexeitaba os roles de xénero propios da súa época?

Si, porque foi sobre todo despois da Primeria Guerra Mundial cando o papel da muller comeza a cambiar. En España non se consolida ese cambio, esa evolución, pola ditadura franquista, que o que fai é frear os importantes avances que se conseguen na II República. Para o nacional-catolicismo ou a Sección Feminina, a muller ten que estar na súa casa, ten que ser unha boa esposa e unha boa nai. Non sei se algunha vez, por curiosidade, lestes algo sobre a formación que se impartía na Sección Feminina. Unha das recomendacións que máis me chamou a atención foi a relativa aos exercicios de ximnasia para as mulleres franquistas. Consistían en limpar a casa exercitando diferentes músculos: así tiñan a casa limpa e, ao mesmo tempo, estaban en forma.

Resulta curioso comprobar, e é algo sobre o que reflexionei en máis dunha ocasión, como a mentalidade da miña nai, nacida a finais dos anos 50 do século XX, en moitas cuestións, foi máis conservadora cá da súa propia nai, nacida a principios da década dos 20 do mesmo século. A miña avoa viviu a época da II República e, para ela, as relacións sociais e os noivados gozaron dunha liberdade moi superior ós da súa filla, miña nai, que asimilou unha visión franquista moito máis retrógrada.

 

-Neste libro, es un novelista que fala de Historia ou un historiador que escribe unha novela?

A miña formación é en Historia da Arte, e no libro queda claro, de forma evidente, que me fascina toda esa época a nivel histórico e artístico, pero é unha novela. Está fundamentada e ambientada nunha época histórica á que tentei ser fiel, pero será a obra dun novelista que aproveita a súa formación en Historia, non é unha novela histórica.


-Ademais deste libro, tes publicado algo no que a Historia teña a mesma importancia?

Si. De ambientación histórica teño outro centrado xa na época franquista. Do que vos falei hoxe transcorre no 1928, mentres que Vila Suárez está ambientado nos anos 40, e nel ocúpome do cambio que se vive en España nestes anos, pero dende o punto de vista da elite. A visión que temos nós da ditadura de Franco, moitas veces, é a das clases medias, a da carestía e as necesidades, pero a novela centrarase en como estes grupos privilexiados viven nun mundo totalmente diferente, no que o diñeiro o consegue todo. Aparecerá, por exemplo, a visita de Eva Perón a España, seguindo o mesmo esquema que para As escaleiras do Gran Hotel: partir de personaxes ficticias e insertalas nun contexto hitórico real e todo o ben documentado que se poida.


-Escribir é o teu traballo a tempo completo?

Non. Vivir do que escribes é moi complicado. Eu son profesor de Xeografía e Historia, tamén de Secundaria, e o da escrita é algo que me gusta facer, pero non me daría para vivir disto. Oxalá puidese, pero non.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Baños y turismo en Sanxenxo. De los años veinte al hoy

  Cremas antiarrugas, tratamientos, horas de gimnasio, dietas, cuerpos perfectos, pieles sin marcas, juventud eterna… ¿quién no se ha plante...