lunes, 18 de abril de 2022

«Estes traballos máis locais fannos ver a realidade global do que aconteceu en Galicia»

 

Xaime Corral, libreiro e editor

«Estes traballos máis locais fannos ver a realidade global do que aconteceu en Galicia»

N. Conde; S. Pampín /  Sanxenxo

 

Xaime Corral Prieto (Sanxenxo, 1953), fundador da librería Nós, a primeira de Sanxenxo. Fundada en 1978. Fixo fronte a unha época, na que unha gran parte da sociedade comezaba a abrir os seus ollos, por medio da lectura, a un mundo que ata entón percibíase de maneira monocromática. Hoxe en día é unha das librerías máis importantes de Sanxenxo, así como unha editora de publicacións sobre esta localidade e da súa xente.


 

 Audio de la entrevista

 

Xa que somos adolescentes, para ti, que libros marcaron a túa infancia,  a túa adolescencia...?


Pois varios libros. Teño como norma as lecturas en tres ámbitos: lecturas de clásicos; lecturas, por razóns de traballo e lecturas en galego. Nese ámbito me movo sempre. Tamén trato de mudar, de cambiar permanentemente esas lecturas. Por mencionar algúns libros, pois todos os libros de historia me interesan, tamén a literatura de posguerra. Na actualidade, por razóns do meu rol de libreiro, teño que estar, as veces, con lecturas moi diversas. Algunhas gustan, outras non, pero o teño que levar a cabo por mor dos clientes que me preguntan.

 

Falas de que ti es libreiro, que é ser libreiro?


A miña vocación de libreiro deriva de que eu estaba estudando para ser mestre e, por razóns de saúde, tiven que deixar de estudar. A decisión de montar unha librería, sempre me seduciu. Nese momento tiña razóns suficientes. Ao non ter unha canle de traballo que non era o que eu prefería, que era ser mestre, decanteime pola librería. Tamén hai que dicir que naquel momento, en Sanxenxo, non había ningunha, estou falando do ano 78. Ese foi o motivo de abrila. Como libreiro, gústame moito servir a ser un referente, un punto de encontro de todo movemento cultural que poida dar vida.

 

E, en canto a túa persoa, como nace ese activismo e o interese pola cultura en xeral, e en particular, pola historia e a cultura local de aquí?


Pois, dende o ano 75, estou inmerso en moitas actividades. Empezaron polo deporte e o apoio a todo o etnográfico, e logo apareceu o momento das reivindicacións de corte máis social e público. [Ese activismo cultural] nace practicamente nunha asociación de veciños que naqueles momentos tiña moitas actividades. É unha explosión do pos-franquismo. A parte de facer reivindicacións das cousas públicas, naqueles momentos difíciles, xa que non había medios, sempre celebrábamos unha semana cultural. Fundamos esa asociación o 30 de decembro do 77 e durante tres ou catro anos foi tremenda a actividade nesa Semana [Cultural]. Naquel intre, pasou toda a acción teatral que había en Galicia, todo o cine, estou falando de Roberto Vidal Bolaño, de Chano Piñeiro, Suso Vaamonde, A Roda (grupo musical)... 

Era un campo do que me apetecía facer, de aí que fundara a librería no 1978.

 

A librería como naceu?


Naceu derivado de todo isto que vos estou contando, da miña situación particular, porque os meus problemas eran de visión e conseguintemente tiña que buscar unha alternativa de vida. No ámbito onde vivo, onde nacín e onde penso seguir vivindo sempre que é o Concello de Sanxenxo. 44 anos despois, a librería Nós segue aberta.

 

Foi doado para ti facer este proxecto?


Xurdiu a vantaxe de que non había [librerías] alternativas na vila. Estamos falando dunha sociedade que era moi distinta. Onde alumeaba todo o que estaba por vir despois dunha etapa tan longa de ditadura, do franquismo. Un amigo que hoxe é maxistrado en Madrid, un lector empedernido, axudoume moito. El estaba estudando dereito en Santiago e eu quedárame aquí —hoxe mantemos unha boa amizade—. E foi o que me empuxou a abrir a librería. Despois, esa situación mercantilista de non competencia permitiu que se sustentara. A librería non é un negocio que sexa moi rendible, pero si que me permitiu saír para adiante. Naquel momento tamén axudou moito á supervivencia que o alumnado era moito maior do que é hoxe nos centros escolares, naquel momento nas aulas, cada curso de primaria tiña de 30 a 45 persoas en cada aula. Hoxe, a realidade é outra moi distinta. Iso ao longo dos anos permitiu a fortaleza da librería que é hoxe.

 

Nesa preocupación polo local, está o papel da librería como editora, cóntanos.

 Si, ese papel é un papel con moito risco, pero que ven derivado tamén das amizades que rodean a librería. (Despois de invitar as entrevistadoras a que escribamos tamén, X. Corral cóntanos). Este amigo meu, que vos comentaba antes, sempre tivo moita tendencia á escritura, paralelamente ao seu traballo. Tivo un proxecto de triloxía da que xa ten na rúa dous volumes, un Sanxenxo desde a perspectiva da paisaxe, das mulleres e dos amigos. Con esa percepción que tiña editamos Luz, vento, arena e mar, un relato de sete contos precioso, algún de eles moi logrado e que tivo un éxito tremendo. Hai que dicir que estas edicións locais, sempre chegan moito ao corazón dos veciños. Despois [publicamos] Lilainas, unha homenaxe ás mulleres de Sanxenxo. Queda pendente [o terceiro] aos seus amigos. E paralelamente, tamén, como lle gusta moito a poesía, editamos tamén del dous poemarios. Un, co gallo do 40 aniversario da librería,  40 poemas para un universo de papel e, recentemente, publicamos un máis íntimo, En un recodo de los sueños. Son amigos que queren publicar e non é fácil publicar. Hai un compoñente de amizade e de risco. O que buscas é que, o teu amigo neste caso, vexa publicado e visualizado nos andeis e nos escaparates a súa obra. Coñecedores de que non é fácil chegar ao editor, entregarlle un texto e que ese texto vexa a luz. Edítanse moitísimos libros en España, sobre 70.000 ao ano.


Facendo un paréntese, se me permitides, teño un cliente que é un gran lector da librería, que sempre fai un cálculo que é curioso. Supoñamos dun gran lector, ímonos poñer nesa hipótese de que é un libro por semana. Se vou ler durante 50 anos da miña vida, 50 libros anuais, que é unha cifra para un lector, xa importante —a media de nós non imos ler iso, eu non leo iso—, 50 por 50 anos lendo son 2.500 libros. Se se publica a cantidade que vos dicía antes, imaxinádevos o nivel lector que tiña que ter este país para poder ler semellante nivel de publicación. Esta é a realidade. Outra cousa é que despois esa publicación non quede nos andeis dos almacéns, porque non hai saída suficiente. Entón, pénsase que moitas editoriais, lamentablemente, vouno dicir así un pouco bruscamente, "queiman" moitos libros ao longo do ano, porque fan apostas e ese mercado que non asimila, entón non queda outra opción que, ás veces, descatalogalos e saldalos. Outro amigo, traballou moito sobre a figura do aviador Piñeiro, un acróbata, un tolo por así dicilo da aviación que, a principios do século pasado, instálase en Sanxenxo, pero nativo de Mugardos, cerca de Ferrol, como xa sabedes. Aquí, monta unha fábrica de gaséoas e durante uns meses é alcalde incluso. E deste amigo, tamén letrado —estes letrados sempre teñen unha tendencia a escribir— publicamos a biografía (El vuelo de la gaviota), que tivo moito éxito. Conseguimos tamén que estivera nos centros galegos de todo o mundo.

 

Por que o Premio Luis Cuadrado?


Como non tiña capacidade de facer nada, nin de levar a cabo ningunha investigación... porque a veces intentas cousas, pero... son unha persoa moi pouco disciplinada e moi pouco preocupada polo meu, sempre estou en loitas alleas. Sempre pretendía investigar sobre o municipio, sempre facer cousas sobre o municipio. E entón decidín dar corpo a un premio que denominamos Premio Luis Cuadrado. Buscaba premiar a investigación e a cultura e historia tradicional do noso concello. Quen fixera traballos sobre o antes, o presente e tamén sobre o futuro. Hai pouco traballo sobre o noso pasado. Os concellos turísticos teñen unha tendencia a esquecerse de moitas cousas. Este premio fundámolo con esta misión, que a xente nova —precisamente os que estades estudando, os que estades formados...— traballase sobre todos estes campos. Incluso tamén sobre proxectos de futuro para ver como se pode incluso romper este monocultivo do municipio que está esperando a que chegue a Semana Santa para que haxa unha revolución, para que empecen a picar as pedras para os pisos para o verán. Nesto morre o municipio como podedes comprobar. A primeira edición do premio tivo varios traballos presentados. O premio, dotado con 1.500 euros, démosllo a unha moza, licenciada en Belas Artes e que vive por aquí, pola Adina pero que é natural da Carabuxeira e que fixo un libro que se chama Pasaxes da memoria. Un libro do que aconteceu no concello —deses temas tabú e que seguen tendo moito de tabú— do trinta e seis aos cincuenta. Aí hai como sabedes unha situación dramática da posguerra. De moito interese, prologado por Xesús Alonso Montero, e como dicía, na presentación e máis no prólogo, estes traballos así máis locais fannos ver a realidade global do que aconteceu en Galicia, nesa etapa tan triste. Noutra edición premiouse un traballo moi interesante A Nosa Señora da Lanzada, sobre o que significa este santuario milagreiro. E tamén houbo outros dous premios: un sobre a Igrexa Parroquial de Sanxenxo, un traballo profundísimo, moi amplo, moi detallado,  pero non hai suficiente apoio para que poida defender o costo da publicación. Son temas moi concretos que a xente, exceptuando algunhas persoas interesadas, non o van a mercar e mídeste moito á hora de publicar. Outro traballo por Alba Hernández sobre un tema moito máis medioambiental da Lanzada, moi técnico e con moita documentación, non se chegou a publicar nunca. Coa editorial Everest, traballei moitísimo co profesor Solla de Turismo da Universidade de Santiago, editamos unha guía de Sanxenxo, máis comercial, que está sendo unha auténtica ruina xa que neses momentos aparecen os sistemas de xeolocalización e non tiven coraxe para decirlle «te pago los gastos y déjalo ir». Esas son as aventuras de editor. Como podedes ver a amizade e publicar cousas do concello son os parámetros onde me movín sempre.

 

E volvendo ao tema da librería, despois de tantos anos aberta, cal é a túa maior satisfacción?


Comentábao o outro día ao presentar un libro de Marta Martínez Novoa.  Quizáis a maior satisfacción a pesar de que pola librería pasou xente relevante e aquí (refírese ao instituto) tamén propiciaron o Certame Literario e obrigaba a traer xente relevante de Literatura Galega —fixemos cousas moi importantes con toda a xente da Literatura Galega e non Galega—, pero o outro día para min foi unha das maiores satisfaccións. Fixemos a presentación do seu libro en Sanxenxo. Esa é das maiores satisfaccións. Ver unha rapaza, como vos, que viña a mercar os libros á Librería Nós coa súa nai —aparte dos manuais escolares e as lecturas que os profesores vos recomendan—, ver como chegou a unha formación académica relevante, psicoloxía, exerce e ven presentar o seu libro —vos que estades en Instagram e todas esas cousas, parece que ten cerca de 300 mil seguidores—, Que sea amor del bueno (publicado por Planeta). Pois ese foi para min o momento máis doce. É unha sensación tremenda. Ver que a pesar de que unha librería é un negocio como outro calquera, ver que fuches capaz de aportar os manuais, as lecturas suficientes para a formación dunha persoa. Satisfai moito. Porque pensade que vos estades nun instituto [de Sanxenxo] e, cando eu abrín a librería o instituto que había era o de Pontevedra, hoxe tedes dous institutos no municipio, ese esforzo tamén mudou. E nese sentido foi una sensación tremenda porque ves reflectido o teu traballo.

 

No futuro das librerías e a súa función cultural, ves o vaso medio cheo ou medio baleiro?


Boa pregunta. Eu creo que debemos de ser axentes e dinamizadores do noso entorno. Se non se fai algo desde a librería é complicado sobrevivir. Obviamente aquí non temos moita poboación. Esa é unha realidade, que tamén dificulta. Sempre na etapa máis estival é onde nos movemos máis. Creo que as librerías están obrigadas a dinamizar a súa contorna. Agora demos un paso importante que foi a aparición da nosa plataforma propia. Os libreiros españois temos unha plataforma que se chama todostuslibros.com onde ides atopar todos os libros que queirades. Neste momento, nesa plataforma están cinco millóns de volumes e un millón catrocentos, me parece, de títulos distintos, cousa impensable. O digo porque a tendencia vosa é ir sempre a plataformas destas tan coñecidas, pero os libros xa teñen a súa plataforma propia. Nos estamos vendendo libros ao resto do estado en 24 horas.


Tanto no mundo dos libros como na agricultura empeza a haber plataformas propias dos colectivos e eses son o medio que creo que hai que utilizar, sobre todo vós, porque senón isto complícase moito. Non se lle pode dar o diñeiro a un señor que está en Silicon Valley.  A pasta hai que darlla á proximidade porque vai repercutir en ti. Hoxe os lectores españois non teñen ningunha necesidade de acudir a unha plataforma allea ao colectivo libreiro español. Na librería non teño moitos libros con moitos anos. Mañá vai vir á librería a Televisión Española para facer unha reportaxe sobre un autor e teño un libro [seu] do noventa e sete (Como una linterna apuntando el sol, poemario do periodista e escritor sansenxino Manuel Jabois). Quero dicir que atopas libros que están descatalogados por completo. O convenio que o colectivo libreiro [fixo] con Correos, permite poñer en 24-48 horas o libro en calquera punto do Estado.

 

Xa para rematar, ao principio contáchesnos que libros marcaron a túa infancia ou adolescencia e, agora pregunto, que lle diría o lector adulto Xaime Corral de hoxe, ao lector neno ou adolescente de onte?


Se me permitides... Na librería Nós existe un andel con todas as publicacións dos autores nacidos en Sanxenxo. É un escaparate propio para todos os autores locais. Volvendo á pregunta, quería incidir —dixen antes que había que animarse a escribir de vez en cando— na [necesidade da] lectura. Que pisedes moita biblioteca porque a lectura vaivos facer máis libres, máis críticos. Cando salgades á rúa cos coñecementos, convén fortalecer [estes] coñecementos para a vida cotiá, a lectura é fundamental. Tedes que apoiarvos nas recomendacións do profesorado e usar moito a biblioteca e, se tedes algún recurso secundario, pois de vez en cando gastalo en libros. Neste momento a muller está lendo moitísimo, moito máis que o home. Na vosa idade está a lerse moito. Hai moitas ofertas neste momento no mercado para o mundo xuvenil. Así que convídovos a que leades, pisedes moito a biblioteca, porque nesa formación tedes vós o futuro.


Algunhas das publicacións sobre Sanxenxo

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Baños y turismo en Sanxenxo. De los años veinte al hoy

  Cremas antiarrugas, tratamientos, horas de gimnasio, dietas, cuerpos perfectos, pieles sin marcas, juventud eterna… ¿quién no se ha plante...